mircoles, febrero 22, 2012 19:39

Archive for the ‘África’ Category

o cheiro a África

Martes, junio 8th, 2010

Nada máis atravesar a porta do avión foi como se me desen unha puñada no nariz.

—O cheiro a África —riu a azafata.

Eu non sabería dicir a que cheiraba. Pode ser que a follas podrecidas. Pero aquel non era un cheiro desagradable: era intenso pero non desagradable.

Seguro que algunha vez abristes un frasco de perfume e achegastes o nariz. ¿Non percibistes un cheiro intenso, tan intenso coma unha puñada?

Amazonian Deep #2
Creative Commons License photo credit: Anastasiy Safari

con ollos negros

Jueves, mayo 20th, 2010

Cheikh Anta Diop é o primeiro autor africano que observou a realidade de África con ollos negros: tratou a súa propia cultura desde dentro, quitando de enriba a visión eurocentrista. Porén, o seu traballo aínda non está moi difundido… Hai moitas cousas que ignoramos sobre África. Decotío, cando falamos deste continente, xeneralizamos. ¡Pois facer tabula rasa é sinónimo de ignorancia! Falareiche dunha cuestión tan cotián como pode ser a interpretación da infidelidade nunha parte ou outra de África. En África Oriental pódese dar o caso que o meniño nado da relación adúltera sexa exposto ao paso dun rabaño, e morra. En África Occidental a infidelidade pódese resolver cun pacto entre as familias implicadas, sinxelamente. O leste africano caracterizouse desde tempos recuados pola loita, a afirmación vital, as pulsións negativas. É dicir, por unhas pautas de comportamento típicas dun sistema xerárquico moi forte, destrutivo. O oeste, en cambio, ten un sistema xerárquico máis permeable.

Bust of a Man 1758 Harwood
Creative Commons License photo credit: mharrsch

África non existe

Domingo, mayo 9th, 2010

Como dixo o viaxeiro e xornalista polonés Ryszard Kapuscinski, «África é un océano, un planeta á parte, todo un cosmos heteroxéneo e dunha riqueza extraordinaria, e unha historia canto menos complexa. Dicimos África por comodidade. Na realidade, agás polo nome xeográfico, África non existe.»

a map of africa
Creative Commons License photo credit: jonfeinstein

Non existe porque a África que o común da xente cre coñecer non é real. Aínda hai moitas persoas que ven o continente africano como cando eu miraba as postais que a miña mestra de xeografía levaba á clase. Detrás daquelas imaxes agachábase un escenario de masacres, de vexacións dos dereitos das persoas, de explotación dos recursos naturais… África pagou e aínda continúa a pagar unha peaxe moi cara que se remonta nos séculos, que é anterior aos anos do colonialismo europeo. Un exemplo: aínda que a escravitude a grande escala comezou cos portugueses, moito antes da chegada dos europeos, os pobos árabes xa comerciaban con persoas da costa oriental africana.