—Cando estiven na desembocadura do río Congo contáronme unha historia sobre a orixe dos brancos e os negros. Fíxome graza. Resulta que hai moito tempo, Maniputa tivo dous fillos: Manicongo e mais Zonga. Cando estes eran uns rapazolos, unha mañá Maniputa díxolles que, despois de oír cantar o galo, fosen bañarse no lago que había preto da aldea. Zonga foi o primeiro en chegar e observou todo asombrado que a medida que camiñaba polo interior do lago a súa pel mudaba de cor: volvíase branca. Chegou Manicongo e meteuse na auga, pero non se volveu branco. Daquela os dous irmáns regresaron á aldea para falar co seu pai. Maniputa agardaba por eles no chimbek, que quere dicir cabana —puntualizou Fran Lamas e seguiu co relato—. Maniputa colleu uns cantos obxectos e espallounos polo chan mentres lles dicía aos seus fillos que escollesen os que máis lles gustasen. Zonga escolleu papel, plumas, uns anteollos, un fusil e pólvora. Manicongo, brazaletes de cobre, cimitarras de ferro, arcos e frechas. Unha vez feita a elección, os irmáns non puideron continuar vivindo xuntos onde estaban, no interior de África, e seu pai decidiu separalos.

photo credit: jacsonquerubin
Neste punto do relato Fran Lamas aclaroume que, por norma nas historias que se contan en África, hai moitas cousas que non se explican, como, por exemplo, os motivos que fixeron que Zonga e Manicongo non puideran continuar vivindo xuntos.
—O caso é que Maniputa lles dixo aos seus fillos que tiñan que marchar da aldea e ir cara ao mar. Así que Zonga e Manicongo camiñaron e camiñaron ata chegaren á beira do mar. Unha vez alí, Zonga decidiu partir nunha barca: el foi o pai dos brancos. Manicongo quedou en África: el foi o pai dos negros.